abril 06, 2011

OLIMPIADA GALEGA DE MATEMÁTICAS




Co fin de promover a ensinanza e a aprendizaxe das matemáticas a través da resolución de problemas e do traballo en equipo, AGAPEMA organiza a XIII olimpíada matemática galega para o alumnado que cursa 2º da ESO en Galicia.

Poden participar todos os estudiantes dos centros educativos de Galicia matriculados en 2º da ESO no curso 2010/2011. A efectos territoriais distínguense sete zonas: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. Cada Centro pode presentar á Fase de Zona dous participantes por cada unha das súas unidades de 2º da ESO.

Na fase de zona que terá lugar este venres día 8 de abril ás 10: 30 no CEFORE, rúa da Universidade 18, participarán dous alumnos do grupo de 2º ESO:  Pablo de la Torre Cuevas e Nicolás Joel Sagasti Ruibal.


A proba consistirá na resolución individual de cinco problemas, os mesmos en todas as zonas. Na valoración dos problemas primará o método de resolución empregado, a súa orixinalidade,..., por enriba da mera solución.

Á fase final acudirán 40 participantes seleccionados na Fase de Zona, correspondéndolle a cada unha das zonas un número de prazas proporcional ao número de participantes presentados en total. Esta fase terá lugar o vindeiro venres 20 de maio no Concello de Vigo.
Non hai ningún procedemento xeral que poda aplicarse á resolución de problemas, pero si é posible establecer algunhas indicacións útiles na maioría dos casos:
·         Ler atentamente os enunciados completos.
·         Organizar os datos separando o que coñecemos do que queremos coñecer.
·         Evitar facer suposicións, xa que poden dificultar a resolución do problema.  
·         Intentar relacionar o problema con algún problema similar.
·         No caso de problemas xeométricos, debuxar un esquema da situación.
·         En problemas numéricos e alxébricos, asignarlle aos datos descoñecidos valores e logo substituílos por números xerais (incógnitas).
·         Proceder por tenteo probando con distintas solucións e posibilidades.
·         E, sobre todo, NON desanimarse. A paciencia e a perseveranza son a mellor ferramenta na resolución de problemas.

A continuación aparece un problema proposto na fase final da pasada edición:
Problema 2 da fase final 2010:
 Pintando murais
       Hai que pintar dous murais do IES Manuel Antonio. O primeiro ten dobre
área que o segundo. Un equipo de alumnos/as está pintando o mural grande
na primeira metade da xornada escolar. Despois, o equipo divídese en
dous grupos iguais, e, durante a segunda metade da xornada escolar,
un dos grupos remata de pintar o mural grande, mentres o outro pinta
o mural pequeno. Ao final da xornada escolar, o mural grande queda
totalmente pintado, pero non o segundo, que, para ser rematado,
ten que pintalo un alumno do equipo durante unha xornada enteira.
Cantos alumnos/as forman o equipo?.


Rocío González